Pretenden recortar a presenza do galego na sanidade
xullo 23, 2009 por naio
O SATSE, Sindicato de Enfermería, fíxolle chegar ao Valedor do Pobo unha reclamación sobre a edición en galego duns folletos informativos da Consellaría de Sanidade. O sindicato alega que é “incongruente” ofrecer información de carácter sanitario en galego xa que “non toda a poboación da Comunidade Autónoma é natural, coñece o idioma cooficial nin ten a obriga legal de coñecelo”.
Merece a pena analizar estes argumentos para tirar á luz os prexuízos que agochan, asumidos incomprensiblemente por Benigno López, Valedor do Pobo (a actuación do Valedor en materia lingüística merecería ser motivo doutro comentario).
É curiosa a orde na que se enumeran os casos daqueles que correrían o risco de non entender o folleto. En primeiro lugar apélase aos habitantes de fóra de Galicia (“poboación non natural”): en materia lingüística, os galegos e galegas, sexamos “naturais” de Galicia ou nos sintamos galegos polo tempo de permanencia neste país, temos sempre que antepoñer os nosos dereitos aos dun suposto grupo de individuos que non entende a nosa lingua. Galicia debe ser un dos escasísimos lugares do mundo onde se actúa antepoñendo os dereitos das persoas que poidan estar aquí de xeito temporal aos dos propios habitantes –independentemente de cal sexa a orixe destes–, xa que só é xustificable que en Galicia unha persoa non coñeza o galego se non vive en Galicia ou se acaba de chegar, porque a lexislación lingüística garante o coñecemento das dúas linguas aos cidadáns. (Ou é que non se está a cumprir a lei? Daquela, cal debería ser a reclamación que lle teriamos que facer chegar ao Valedor do Pobo?)
En segundo lugar, na reclamación alúdese á poboación que non “coñece o idioma cooficial”. Isto ten que ver co que acabamos de dicir: a Administración galega debe garantirlle á cidadanía o coñecemento das dúas linguas oficiais, comezando polo ensino que di garantir que o alumnado ten que rematar a ensinanza obrigatoria con igual competencia en ambos os dous idiomas. Polo tanto, é moi escasa a poboación galega que descoñeza a lingua propia. De novo, preténdese facer da excepción unha norma. Por outra parte, o uso do adxectivo cooficial para referirse á lingua galega tamén deixa de manifesto cal é o idioma (e polo tanto os falantes) aos que quere protexer o sindicato SATSE. Segundo a lexislación, en Galicia non existe unha lingua oficial que sexa o castelán e unha lingua cooficial que sexa o galego. O galego e o castelán son linguas oficiais en igualdade de condicións.
Por último, afírmase que o folleto non debería estar escrito en galego porque ninguén ten “a obriga legal de coñecelo”. Dá igual que segundo os estudos sociolingüísticos o 90% das persoas que vaian ler ese folleto posiblemente o entendan, o realmente importante é que non debería estar en galego porque “eu” non teño a obriga de coñecelo. Este é o argumento definitivo, para que ninguén diga, como acabamos de facer, que non é posible que en Galicia existan cidadáns e cidadás que descoñezan o galego (agás, claro está, casos puntuais como persoas estranxeiras acabadas de chegar).
Aos que escribiron a reclamación (que, por certo, teñen a súa páxina web unicamente en castelán) impórtalles ben pouco se o folleto se entende ou non; o único que lles importa, máis ben lles molesta, é que estea escrito nunha lingua que desprezan e minusvaloran, utilizando ademais como argumento de peso o caso máis claro de discriminación presente na lexislación lingüística: o feito de que sendo galego e castelán idiomas oficiais en Galicia, un sexa de obrigado coñecemento e outro non. Comparte o Valedor do Pobo estes prexuízos lingüísticos?, por como actúa, vese que si.


