Os occitanos tamén defenden na rúa os seus dereitos lingüísticos
Enterámonos vía vilaweb dunha nova manifestación celebrada en Carcassona a prol da oficialización da súa lingua e da súa presenza no ensino e nos medios de comunicación. Arredor de 30 000 persoas percorreron as rúas da cidade do Languedoc, triplicando deste xeito a asistencia á primeira marcha, no 2005 en Carcassona, e duplicando a de hai 2 anos en Béziers. A manifestación foi organizada por diversas entidades que traballan a prol da lingua occitana, o Institut d’Estudis Occitans, Felibrege, FELCO, Calandreta e Òc-Bi. Velaquí o seu manifesto en pdf.
A situación legal dos falantes de occitano non é uniforme xa que a lingua se estende por 3 estados europeos diferentes. Os e as 5000 falantes de aranés, -variedade do gascón falada na Val de Arán, Cataluña-, gozan da co-oficialidade do seu idioma, -de feito dende 2006 esta co-oficialidade estendeuse do propio val a toda Cataluña-. O aranés está presente no ensino e nos medios pero perde falantes entre a xente nova, onde menos do 25% dos cativos e cativas falan aranés. Nas Valadas Occitanas, -vales occitanos-, do Piamonte e en Calabria existen arredor de 40 000 falantes e malia teren protexidos os seus dereitos lingüísticos por unha lei de 1999, a realidade mostra que o occitano está ausente do ensino, tamén practicamente dos medios de comunicación e que como consecuencia o italiano e mais o dialecto piamontés son empregados maioritariamente pola mocidade. En Francia a situación é semellante. Non se teñen sequera datos fiables do número de falantes, que se estima pode roldar o millón e medio. Malia existiren iniciativas privadas como as Calandretas, -escolas bilingües-, a política lingüística francesa segue centrada na exclusiva promoción do francés. Manifestacións como a de Carcassona evidencian o descontento da poboación occitano-falante con esa liña de imposición.



