Educación infantil en galego
Unha das primeiras medidas lingüísticas tomadas polo actual goberno da Xunta foi modificar o borrador do Decreto de Educación Infantil que dicía que Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. O feito de lles garantir o coñecemento da lingua galega a todos os nenos e nenas, independentemente da súa lingua materna, foi considerado polo Partido Popular, seguindo os ditados de organizacións galegófobas como Galicia Bilingüe, como unha imposición.
O actual decreto de Infantil eliminou calquera tipo de referencia a cotas de uso das linguas o que de seguro se vai traducir nunha diminución do emprego do galego en contornos castelanfalantes. A nova redacción fica desta maneira: Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.
Recomendamos esta interensante reportaxe (de 2008) sobre experiencias de ensino en galego en educación infantil con testemuños de nais, pais e mestras sobre a necesidade de que se potencie o ensino en lingua galega.


